Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, participará este martes 10 de decembro nas xornadas “Xogando coa lingua” organizadas polo IES de Chapela e destinadas ao alumnado do Ciclo Superior de Educación Infantil. A finalidade das xornadas, segundo os organizadores, é achegar ao alumnado experiencias de animación á lectura, decatarse da importancia do achegamento á literatura desde a primeira infancia e coñecer xogos baseados na linguaxe para os bebés.
Os participantes son Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, que falará sobre “Como achegar a literatura ás crianzas”; Anxo Moure, contacontos, cuxa intervención levará por título “E se contamos contos?”, e Luís Prego, músico, que presentará “Xogos e cantos en cueiros”.