O club de cómic de Espazo Lectura despide o ano 2025 co libro El Nirvana está aquí de Mikael Ross de Astiberri. En Lichtenberg, un barrio de edificios prefabricados da cidade de Berlín, viven dous irmáns adolescentes de orixe vietnamita. Levan unha vida normal e tranquila ata que un día se atopan cunha misteriosa moza que está fuxindo e, sen pensalo moito, deciden axudala. Un thriller co tráfico de persoas como telón de fondo.
Na segunda parte da sesión contaremos coa presenza de Tokio para comentar a banda deseñada: A campá do “Rianxo”, que homenaxea a Moncho Reboiras no 50 aniversario do seu asasinato.
Na sesión anterior o cómic que protagonizou a sesión foi “A miña outra vida” de Miguel Rojo. Trátase en gran parte dunha obra autobiográfica, xa que conta a historia dun debuxante afeccionado, na crise existencial dos 40, angustiado polo paso do tempo e cunha sensación de certo fracaso por non ter aproveitado o tempo debidamente. Nas súas propias palabras o libro está dedicado “a todas aquelas persoas que pensan que non están vivindo a vida que soñaban vivir”.
A sesión terá lugar o martes 16 de decembro ás 20:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar e, se non podes acudir, poderás participar mediante videoconferencia. Para recibir o enlace envía un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com.
Agardámoste!




