“El otro mundo” no primeiro Lecturas Debuxadas do ano

O club de cómic de Espazo Lectura terá o libro El otro mundo de Enrique Bonet e Joaquín López Cruces de Astiberri na sesión de xaneiro.

Esta historia transcorre no verán de 1933 cando un grupo de estudantes e mestres chegan a unha aldea da Alpujarra enviados polo goberno da Segunda República para desenvolver alí un dos seus proxectos culturais máis ambiciosos: as Misións Pedagóxicas.

A ilusión, entusiasmo e complicidade de parte dos habitantes, xúntanse coa desconfianza e hostilidade dos que atopan que este proxecto pon en perigo as súas crenzas e tradicións.

        Na sesión de decembro comentamos a obra El nirvana está aquí¸de Mikael Ross (Astiberri) na que destacamos a linguaxe desenfadada dos personaxes  e a expresividade do autor para integrar texto e debuxo, así coma o estilo do libro, rozando o manga. Na segunda parte da sesión comentamos A campá do Rianxo de Alfredo López “Tokio” na que narra o tempo de Reboiras na Fronte Cultural Galega (UPG) en paralelo á realidade social e política de Europa e do mundo, e entre outras cousas, como desenvolvían todas as súas actividades burlando a vixilancia policial e política.

        A sesión terá lugar o martes 20 de xaneiro ás 20:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar e, se non podes acudir, poderás participar mediante videoconferencia. Para recibir o enlace envía un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com.

Agardámoste!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *