O vindeiro martes, día 18 de xuño, o cómic que trataremos será O voo da curuxa. Unha tarde con dona Emilia no pazo de Meirás de Inacio e Iván Suárez (Demo editorial).
Eduardo Zamacois, intelectual e cineasta, percorre a España dos anos vinte do século pasado na procura das grandes plumas da literatura para filmar un innovador documental. No seu percorrido, fai parada no pazo de Meirás, para encontrarse cunha muller cun carácter único: Emilia Pardo Bazán.
Esta obra é un achegamento fascinante aos derradeiros meses de vida de dona Emilia. No seu aspecto gráfico, lémbranos a estética dos gravados clásicos, e consegue cativarnos grazas a un guión maduro e con ritmo narrativo áxil que transita entre o real e o literario, incorporando relatos da propia Pardo Bazán.
A sesión de maio transcorreu coa obra Llévame contigo de Anneli Furmark na que Elise e Dagmar, dúas mulleres casadas de mediana idade, inesperadamente, nunha festa namóranse. Trátase dunha emotiva novela gráfica e un magnífico retrato do desexo, o (des)amor e o descubrimento da orientación sexual na que tamén están presentes as consecuencias que se asumen ante esta situación. Suscitou un longo debate sobre as relacións afectivas e as diferentes sociedades.
A sesión terá lugar nesta ocasión na Casa da Lectura en Donas ás 20:00h e contaremos coa presenza de Inacio. Por tratarse da última sesión da tempada, compartiremos, como vén sendo habitual, as nosas recomendacións lectoras para o verán.
Non o perdas!