Espazo Lectura leva dez anos organizando máis de cen actividades anuais de forma regular para visibilizar a lectura non só como unha actividade lúdica ou pracenteira, senón tamén como ferramenta imprescindible para a socialización e o desenvolvemento das persoas a todos os niveis.
A Biblioteca Municipal foi sempre o escenario idóneo e habitual da maioría das nosas actividades e clubs (Contos en Cueiros, Contomar, Lendo contigo, Lecturas Debuxadas, Sete Vidas, Noite na Biblioteca), pero en maio do ano pasado a asemblea de Espazo Lectura decidiu suspender as actividades na Biblioteca Municipal debido á precariedade do funcionamento e das instalacións, e ao desinterese da alcaldía actual e do seu equipo de goberno por manter a colaboración e o diálogo con Espazo Lectura.
Algunhas das persoas ou personaxes que estiveron na Biblioteca Municipal ou participaron directamente dalgunha das actividades de Espazo Lectura queren sumarse a esta reivindicación. Ao longo das próximas semanas iremos publicando as súas mostras de apoio.
O PRINCIPIÑO, O CÉLEBRE PERSONAXE DE SAINT-EXUPÉRY, PROTAGONIZA O PRIMEIRO VÍDEO DA CAMPAÑA “POR UNHA BIBLIOTECA DIGNA”
O Principiño, o famoso personaxe de Antoine de Saint-Exupéry, protagonista dun dos libros de literatura máis lidos e traducidos do mundo, aceptou a invitación de Espazo Lectura para inaugurar a campaña por unha biblioteca digna en Gondomar, que deseñou a Asociación facéndoa coincidir cos 10 anos que agora cumpre a entidade cultural miñorana. Esta é a mensaxe que nos deixou:
[…] Hoxe vou de festa para celebrar o décimo aniversario de ESPAZO LECTURA e pedir xuntos un desexo: UNHA BIBLIOTECA DIGNA!!! […]
[…] Hoxe vou de festa para celebrar o décimo aniversario de ESPAZO LECTURA e pedir xuntos que se cumpra un nobre desexo: UNA BIBLIOTECA DIGNA!!! […]