Espazo Lectura acaba de ser recoñecida co Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua.
Os Premios da Cultura Galega destacan o labor a prol das letras, das artes plásticas e das artes escénicas, da música, do audiovisual, da lingua, do patrimonio e da proxección cultural no exterior. A Xunta de Galicia convoca cada ano estes galardóns cos que poñer en valor a excelencia creativa e o labor de difusión cultural desenvolvido, con esforzo e talento, por persoas e institucións, tanto en Galicia como desde o exterior.
Para Espazo Lectura é unha satisfacción e un orgullo recibir este recoñecemento porque, aínda que o obxectivo principal da asociación é a promoción da lectura, a vinculación do proxecto coa lingua foi un principio irrenunciable desde a súa fundación, tal e como se recolle nos propios estatutos. Fomentar a lectura en lingua galega e promover o uso do noso idioma nas actividades foron sempre un sinal de identidade da asociación, para favorecer que sobre todo as xeracións máis novas desenvolvesen unha actitude positiva cara á lingua, fortalecendo un vínculo emocional que contribúa ao seu uso, tanto no ámbito cultural como na vida cotiá.
Nese sentido, resulta especialmente gratificante que se recoñeza esa dimensión do proxecto, un aspecto que destacan as familias que participaron nas actividades ao longo destes vinte anos ao sinalar que Espazo Lectura foi un importante axente normalizador, xa que lles proporcionou espazos e experiencias que favoreceron o uso da lingua como elemento de socialización, un labor especialmente necesario se se teñen en conta os datos actuais sobre o uso da lingua na infancia e na adolescencia.
Agradecemos ao xurado e á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude este recoñecemento; á Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX), que promoveu esta candidatura; ao Concello de Gondomar, polo apoio ao proxecto e, sobre todo, aos socios e socias que o fan posible. Por último, queremos dar as grazas ao voluntariado de Espazo Lectura e a todas as persoas que co seu traballo ao longo destes vinte anos, contribuíron a construír un proxecto colectivo de referencia.
Parabéns tamén aos outros premiados e premiadas nesta edición: María Solar, Almudena Fernández Fariña, Compañía Elefante Elegante, Asociación Galega de Empresas Musicais, Alfonso Zarauza, Obradoiro de Gaitas Seivane e Festival EmigraSON.




