Espazo Lectura, Premio Liber 2024 da Federación de Gremios de Editores de España

Este galardón recoñece o labor á promoción da lectura que desenvolve a asociación dende 2006 a través de distintas actividades nas que o libro sempre está presente.

Tamén destaca o seu traballo a prol da colaboración con todas as institucións e administracións, así como con centros educativos da comarca do Val Miñor.

Gondomar, 27 de xuño de 2024.- A asociación Espazo Lectura vén de recibir o Premio Liber 2024 á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público, que outorga a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE).

Na súa decisión, a FGEE valorou “o traballo modélico e voluntario” para a promoción da lectura entre a cidadanía que desenvolve Espazo Lectura desde 2006, e que, segundo a Federación, “debería estenderse a todo o territorio nacional, instalándose coma un claro exemplo a seguir”.


Este galardón destaca tamén o traballo da asociación miñorana por establecer lazos e colaborar con distintas institucións e administracións durante os seus 18 anos de vida, así como con centros educativos da comarca, a través de múltiples actividades. “Recibir este premio é un recoñecemento para a asociación e impulsará aínda máis, se cabe, o traballo do voluntariado”, sinala a presidenta de Espazo Lectura, Yaiza Peixoto.


A entidade recollerá o premio o vindeiro 2 de outubro no Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) de Barcelona, no marco das actividades de Liber 2024, recoñecida internacionalmente como unha das principais citas feirais para a exportación, mostra e promoción da edición en español.


Neste evento, organizado por Fira de Barcelona e promovida pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), daranse cita máis de 350 editoriais e empresas que amosarán os seus fondos bibliográficos e novidades, así como produtos e servizos relacionados coa comercialización e distribución de libros. Ademais, a feira inclúe un amplo programa de xornadas profesionais para debater e reflexionar sobre a actualidade sectorial vinculada á cadea de valor do libro.


Sobre Espazo Lectura
Espazo Lectura é unha entidade non gubernamental creada co obxectivo de promover e fomentar a lectura en lingua galega. Fundada en Gondomar, na comarca do Val Miñor de Pontevedra, organiza e desenvolve actividades sen ánimo de lucro que teñen como principal obxectivo promover a lectura.


Na asociación, os libros son claros referentes socializadores, indispensables para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica e, en definitiva, o benestar das persoas e a súa calidade de vida e lecer.


Actualmente, Espazo Lectura conta, ademais dos socios ordinarios, cuns 40 socios protectores, entre os que se atopan editoriais, centros educativos e librarías. Segundo a súa presidenta, Yaiza Peixoto, “o proxecto de Espazo Lectura busca potenciar a lectura en lingua galega a través de clubs de lectura e actividades que dinamiza o voluntariado da asociación. Ademais, por medio da literatura e dos libros vanse construíndo amizades e vínculos que manteñen vivo este proxecto e que permiten a lectores e autores gozar dos libros e da lectura”.


As actividades de Espazo Lectura artéllanse baixo tres grandes liñas de acción: a creación e animación de clubs de lectura; a difusión e sensibilización; e a formación especializada no fomento da lectura. Para acadar e desenvolver estas liñas de acción, Espazo Lectura mantén unha programación permanente ao longo do ano e outra estacional, ambas relacionadas co principio de que o libro e a lectura son elementos centrais e de referencia para as mesmas.
Dentro da serie de actividades que organizan, destaca o Contomar, actividade semanal na que as familias se xuntan na Biblioteca municipal para contar contos todos os luns, sendo unha das accións fundacionais da organización. Ademais, sobresaen, entre outras, ‘A fogueira dos versos’, ‘Dar de ler, coma quen dá de beber’, ‘Club de Lecturas Debuxadas’, ‘Contos en cueiros’, ‘Lendo contigo’, ‘Sete vidas’ e ‘Comando Le’.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *