Espazo Lectura recolle o Premio Liber 2024 da Federación de Gremios de Editores de España

Yaiza Peixoto e Marta Fernández, presidenta e vicepresidenta da asociación, recibiron
este galardón da man do presidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique
Alvarellos.

Peixoto destacou que este galardón contribúe a “visibilizar o labor da entidade e poñer
en valor as iniciativas levadas a cabo por persoas que atopan nos libros un espazo de
socialización”

Entrega Premio Liber

Gondomar, 2 de outubro de 2024.- Espazo Lectura vén de recoller o Premio Liber 2024 á
mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público, que outorga a
Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) no marco da Feira Internacional do
Libro Liber 2024, que se celebra do 1 ao 3 de outubro en Barcelona.

Yaiza Peixoto, presidenta da entidade, e Marta Fernández, vicepresidenta, recibiron este
galardón da man do presidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos. A
FGG recoñece así o “traballo modélico e voluntario” para a promoción da lectura que
desenvolve a asociación entre a cidadanía, así como os seus vínculos e colaboracións con
distintas institucións.

No seu discurso, Peixoto destacou que este recoñecemento “contribúe a visibilizar o labor
que Espazo Lectura leva desenvolvendo durante máis de dezaseis anos e pon en valor as
iniciativas levadas a cabo de forma altruísta por persoas que atopan nos libros un espazo
de socialización”.

A presidenta avogou por “mimar as bibliotecas e as propostas que se levan a cabo nelas
para poder construír unha sociedade máis libre, crítica e creativa”. Agradeceu, ademais, o
apoio do voluntariado, centros educativos, editoriais socio protectoras e a colaboración do
Concello de Gondomar, cuxo alcalde, Francisco Ferreira, e concelleira de Turismo,
Mercados, Formación, Emprego e Dinamización Económica, Rocío Goberna, acudiron ao
evento.
Yaiza Peixoto fixo referencia tamén á recente renovación da directiva e aos novos
proxectos que está a realizar Espazo Lectura, como o documental “A rebelión da lectura”,
que relatará a historia da asociación, ou o Museo do Conto, proxectado na Casa da Lectura,
pero que precisa financiación para converterse nunha realidade.

“Queremos ser un referente de promoción e dinamización da lectura que serva tamén
como impulso para o nacemento doutras iniciativas de índole semellante”, concluíu
Peixoto.

Sobre Espazo Lectura
Espazo Lectura é unha entidade non gobernamental fundada en Gondomar, na comarca do
Val Miñor de Pontevedra, co obxectivo de promover e fomentar a lectura en lingua galega,
a través de múltiples actividades.

Está integrada por socios ordinarios e conta con ao redor de 40 socios protectores, entre os
que se atopan editoriais, centros educativos e librarías. As súas actividades artéllanse baixo
tres grandes liñas de acción: a creación e animación de clubs de lectura, a difusión e
sensibilización, e a formación especializada no fomento da lectura.

Para acadar e desenvolver estes obxectivos, Espazo Lectura mantén unha programación
permanente ao longo do ano e outra estacional, nos que destaca o Contomar, actividade
de carácter semanal dirixida a familias que se leva a cabo na Biblioteca Municipal de
Gondomar, o Club de Lecturas Debuxadas, Contos en cueiros, Lendo contigo, Sete vidas e
‘Comando Le’, ou eventos como A fogueira dos versos, na noite de San Xoán, ou o Dar de
ler, coma quen dá de beber, actividade central da Semana do Libro e a Lectura.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *