Este próximo sábado 17 de decembro temos sesión do Comando Le de 19:00h a 22:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar. Nesta ocasión os comandoleiros e comandoleiras participarán nun obradoiro de creación audiovisual realizado pola axencia Comply Creative Studio e impartido por tres persoas vinculadas ao mundo do audiovisual: Alejandro Baz, Marcos Pimentel e Marco Otero.
O obradoiro forma parte do proxecto europeo G-BOOK2 (European teens as readers and creators in gender-positive narratives), no que o Comando Le xa pariticipou a tempada pasada, xunto con outros seis socios europeos, a través da Universidade de Vigo. Logo da fase anterior, que incluíra obradoiros de escrita que deron como resultado a elaboración de relatos sobre igualdade de xénero, nesta segunda fase a proposta consiste en facer unha peza audiovisual a partir dos relatos gañadores. Ao Comando Le correspóndelle traballar co relato de Eslovenia, nun proceso que permitirá que se traten aspectos relacionados coa gravación, o son, a iluminación, a edición, etc.
Deixamos a continuación as imaxes da sesión de novembro, na que o Comando Le viaxou ata Pontevedra para visitar o Culturgal e dar un paseo pola cidade: