“Eu mato xigantes” no Lecturas Debuxadas de febreiro

O club de cómic de Espazo Lectura terá o libro Eu mato xigantes de Joe Kelly e Ken Niimura de Rinoceronte na sesión de febreiro. Obra de banda deseñada estadounidense publicada en 2008 e que foi traducida ao galego pola editorial Rinoceronte.

        Barbara Thorson é unha nena de dez anos, esperta e independente,  que vive cos seus irmanas maiores. Ten a certeza de que existen xigantes que pretenden atacar o seu fogar, que ela combate con trampas e un martelo de guerra nórdico que leva no bolso ao que chama “Coveleski”. Coa chegada á escola dunha nova psicóloga e Sophia, unha nena que se converte na súa mellor amiga, Bárbara vese na obriga de afrontar os problemas vitais que a levaran a crear ese universo imaxinario.

        Na sesión de xaneiro comentamos a obra “El Otro Mundo” (Astiberri), obra de Enrique Bonet (guión) e Joaquín López Cruces (debuxo e cor). Tivemos un longo debate sobre a obra e o seu contexto histórico, o enorme traballo que supuñan as Misións Pedagóxicas e os intentos de educación da República, e o que poderíamos ser de ter podido continuar. Salientouse que as tres mulleres que son as personaxes máis destacadas do relato (Carmen, a pantasma, María e Lucía “La Tizná”, unha nena abandonada e maltratada), veñen a representar o pasado, presente e futuro e son o eixo da narración. No apartado gráfico comentamos o áxil que é a narración e a consistencia do debuxo, con moitos caracteres ben diferenciados e unha representación da vila (unha protagonista máis) que fai posible entender as actividades da súa veciñanza e seguir as accións do relato.

        A sesión terá lugar o martes 24 de febreiro ás 20:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar e, se non podes acudir, poderás participar mediante videoconferencia. Para recibir o enlace envía un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com.

Agardámoste!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *