Excursión do Comando Le a Santiago

O Comando Le pecha a tempada de actividades este sábado 21 de maio cunha excursión a Santiago de Compostela. Pola mañá os comandoleiros e comandoleiras farán unha visita á Biblioteca Pública Ánxel Casal e, posteriormente, realizarán unha actividade no Museo do Pobo Galego. Logo dun tempo libre para xantar, participarán nun xogo de pistas literarias e culturais pola cidade e asistirán, convidados pola Agrupación Cultural O Galo, á representación da obra “A farsa das zocas”, de Ricardo Carvalho Calero, a cargo do grupo de teatro da Sociedade Cultural Medulio de Ferrol.

Esta excursión forma parte do premio que reciben os rapaces e rapazas do Comando Le pola súa participación no concurso de relatos do proxecto europeo European teens as readers and creators in gender-positive narratives, promovido desde a Universidade de Vigo e no que resultaron gañadores Uxía Lameiro Fernández e Martín Rey Álvarez co relato “A través dunha pantalla”.

Foi precisamente na sesión do mes pasado cando se deu a coñecer o fallo deste certame e se presentou a publicación na que se recolle o relato gañador, nunha tarde na que tamén realizamos un roteiro histórico e literario polo rueiro de Gondomar e rematamos ceando todos xuntos. Deixámosvos a continuación as fotos desa sesión do mes de abril.

Comando Le 30.04.22