O vindeiro sábado 19 de novembro o Daquelas que Len reunirase para falar da obra Feliz Idade, de Olga Novo, galardoada co Premio Nacional de Poesía 2020, da Crítica Española e Premio Gala do Libro Galego.
Feliz Idade é un poemario que recompila experiencias vitais da autora baixo o nexo común do amor, das relacións familiares, marcadas de forma especialmente profunda e intensa polo nacemento da filla e a morte do pai, e do forte arraigo á terra e ás orixes. A través destes eixos, o suxeito-muller vai tecendo un universo onde o poético se configura como estratexia de resistencia e supervivencia, que permite unha comunicación verdadeira máis alá dos límites da razón e da propia linguaxe. En definitiva, un canto esperanzado á vida e ao presente.
Terá lugar ás 12:00 h na Biblioteca Municipal de Gondomar. Contaremos coa presenza da autora.