O martes, 19 de novembro, teremos unha nova sesión do Club Lecturas Debuxadas onde a obra proposta é Herba, de Keum Suk Gendry-Kim con tradución do coreano de Alba Verea Pérez (Rinoceronte editora).
Durante a ocupación xaponesa de Corea, un dos episodios máis escuros da historia do país, a moza Okseon viuse convertida, como moitas outras mulleres coreanas, en “muller de conforto”. Esta novela gráfica conta como esta rapariga chegou a unha base aérea chinesa para converterse en escrava sexual para as tropas do exército imperial xaponés, como sobreviviu, cunha admirable resiliencia, e como a súa actitude serviu de exemplo.
A sesión terá lugar na Biblioteca Municipal de Gondomar ás 20:00h e, se non podes acudir, poderás participar mediante videoconferencia. Para recibir o enlace envía un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com.
Agardámoste!
O martes 15 de outubro tivo lugar a primeira sesión do Lecturas Debuxadas desta tempada.
A obra que nos convocou foi Loira do autor francés Étienne Davodeau de La Cúpula. Unha obra chea de matices, de metáforas, de ideas e emocións… Moitas imaxes e poucas palabras que nos trouxeron un feixe de temas na lectura e na conversa. A paisaxe, a vida, a morte, a amizade, os puntos de vista, a natureza e a cultura, as emocións, a memoria, a trascendencia, as experiencias… o río.
Foi unha sesión moi interesante e debatemos moito sobre os diversos puntos de vista que suscitou en nós.
Estabamos 10 persoas na Biblioteca e 1 máis on-line (lembrámosvos que podedes participar tamén por videoconferencia).
Aquí tedes as fotos da sesión: