Dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora á editorial Ir Indo, que se incorpora como socio protector da asociación.
Ir Indo Edicións nace o 14 de novembro de 1985 co obxectivo de colaborar no espallamento e divulgación da cultura galega. Ten editado, ao longo destes anos, máis de 500 títulos, entre literatura infantil e xuvenil, dicionarios, narrativa, guías, manuais…, mais cómpre sinalala como a primeira editora en publicar unha Enciclopedia Galega Universal.
Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, “aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación”. Ir Indo súmase así a outras editorias que xa forman parte de Espazo Lectura como Rinoceronte, Patasdepeixe, Edicións do Cumio, Galaxia, Kalandraka, OQO, Rodeira e Xerais. Deste xeito, entre editoras, empresas culturais como Berrobambán e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 20 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.