Este sábado 28 de febreiro de 2015, de 20:00h a 00:00h, celebraremos na Casa da Lectura unha nova sesión do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura para rapaces e rapazas de máis de 12 anos. Nesta ocasión a sesión xirará arredor do tema da privacidade e a identidade en internet e o obxectivo será reflexionarmos xuntos sobre unha serie de problemas que os psicólogos, os educadores e os especialistas en novas tecnoloxías din que están aumentando: problemas de identidade e privacidade na rede, de acoso, de respecto cara aos demais, de dependencia e illamento, de relacións sociais…
A sesión organizarase en dúas partes:
- 1ª parte. Charla-coloquio coa escritora Ledicia Costas arredor do seu libro O corazón de Xúpiter.
- 2ª parte. Proxección e debate de varios vídeos sobre identidade e privacidade en internet.
Non pretendemos criticar nin demonizar o uso das novas teconoloxías, pero, como ocorre tamén con moitas outras ferramentas, un mal uso pode supoñer riscos que debemos coñecer e sobre os que queremos reflexionar cos comandoleiros e comandoleiras.
Deixámosvos a continuación as imaxes da sesión de xaneiro, un obradoiro de cartoneiras, realizado coa colaboración da asociación Astromántica Cartoneira, que nos permitiu encadernar un libro cos textos elaborados polos comandoleiros e comandoleiras nas dúas sesións do obradoiro de creación “Con nocturnidade e poesía”, impartido pola poeta Elvira Riveiro nos meses de novembro e decembro de 2014.