A sesión de abril do Lendo Contigo terá un carácter especial e non haberá libro nin autor convidado. Nesta ocasión serán as propias escollas dos participantes as que se converterán en protagonistas do encontro. Parellas formadas polos nenos e nenas do Lendo e algún adulto acompañante (pai, nai, irmáns…) lerán un pequeno fragmento dalgún libro infantil que para eles é significativo e que queren compartir cos demais. Escoitaremos así, na voz de cada un dos participantes, textos de Agustín Fernández Paz, Antonio García Teijeiro, María Solar, Gonzalo Moure ou Fina Casalderrey, entre outros. Será, coma sempre, ás 12:00 da mañá, na Biblioteca Municipal de Gondomar.
Na sesión de marzo contamos coa visita da escritora Helena Villar Janeiro coa súa obra As señoras cousas, e descubrimos o fermoso que é escribir poesía inspirada nas cousas que temos ao noso redor todos os días: as zapatillas, a auga… Mesmo nos atrevemos a recitar as nosas propias poesías! Estas son as imaxes.