Víctor Freixanes publicou este domingo, 13 de maio, un artigo no xornal La Voz de Galicia sobre o traballo de Espazo Lectura.
Lendo para medrar
No concello de Gondomar, no sur da provincia pontevedresa, un grupo de pais e de nais iniciaron no 2006 unha experiencia de socialización diferente arredor da comunicación e a lectura. Dous anos despois constituíron unha especie de asociación veciñal que denominan Espazo Lectura e que dende entón enche de festa participativa a contorna, tanto para adultos como para os máis pequenos. Habilitaron as antigas dependencias dunha escola infantil, cedida daquela polo Concello, e alí, por propia iniciativa e co apoio dalgunhas editoras, configuraron unha biblioteca que serve de campo de actividades lúdicas nas que participan as familias: pais e fillos, unidos pola afección común aos libros.
Os clubs de lectura son un fenómeno relativamente recente que opera de xeito espontáneo por todo o país. Poño de referencia o de Gondomar pola súa eficacia, polo seu activismo, pola imaxinación que o caracteriza e pola súa capacidade de dinamización social. Tiven ocasión de visitalo recentemente. Son arredor de 120 socios, que o sosteñen con modestas achegas económicas, arredor de 30 euros ao ano, e case que medio cento de familias. Non precisan nin demandan máis axuda, agás que os deixen actuar e desenvolverse. Nestes tempos de precariedade e escaseza son un exemplo a salientar. ¿Quen di que o país non está vivo?
Nenos e adultos. Non é a primeira vez que saliento esta cuestión, que me parece moi importante. A lectura (a cultura en xeral) é fundamentalmente un territorio de afectos compartidos. Afectos e descubertas. A primeira vez que me enfrontei a un texto literario, a emoción do texto, mesmo sen sabelo, foi da man do meu pai, que nos metía a meu irmán e mais a min na cama nas mañás dos domingos e nos recitaba poemas. O romance do prisioneiro, recórdoo moi ben. Cando anos despois o profesor de literatura comentou no instituto aquel texto eu xa o levaba dentro, non coma un produto literario senón coma un territorio de amor, inzado de bicos. Tal é a filosofía das xentes de Gondomar.
Dentro duns días conmemoramos o Día das Letras Galegas. Os amigos da asociación pontevedresa celebran periodicamente as Noites Golfas, noites de festa arredor dos libros, contacontos para os máis pequenos, debates para os adultos arredor de textos e autores, experiencias de banda deseñada… O espazo infantil move lectores entre 3 e 11 anos. A condición é sempre a mesma: pais e fillos xuntos. Os pais len, contan historias aos máis pequenos, comparten con eles a alegría de estar xuntos e descubrir xuntos os libros. Os pequenos celebran os cumpreanos con sesións de Cumprecontos, que consiste en ler e compartir en voz alta as historias que máis lles gustan. Ocupan espazos na vila, facendo lecturas públicas nas que invitan a outros veciños. Acampadas nocturnas no xardín da escoliña, sempre rodeados de historias. Necesitamos, agora máis ca nunca, iniciativas deste tipo, que xorden da base social, non impostas, nin programadas dende enriba. Velaquí a panca que, se a sabemos aproveitar, ha de mover o mundo.