Lendo robots, na Casa da Lectura

Este mércores, na sesión da Casa da Lectura, leremos robots. Leremos, claro, e coñeceremos robots. A partir do conto O neno que tiña medo dos robots, de Miguel Vázquez Freire, publicado pola editorial Rodeira, coñeceremos os robots a través dos libros e da literatura, pero tamén a través das imaxes. Robots simpáticos, robots humanos, robots-maquinas… Saberemos como son os robots, cal é o seu futuro, que cousas fan, as leis polas que se rexen… e recomendaremos tamén unha boa película. Ao final, o obradoiro poñerá a proba a nosa capacidade artística para facer robots sobre o papel.

Na sesión da semana pasada contamos as historias de A bañarse! e Manu e despois fixemos a cabeza de Manu con plastilina. Comezamos fretando as mans para que que quecesen porque había que abrandar a plastilina e moldéase mellor coa calor… Despois fixemos un par de orellas, o nariz, a boca, o pelo… Pero… O pelo había que facerllo máis ben longo porque había unha sorpresa final! Unhas fermosas gorras para as cabezas! Estas son as imaxes dese día.