O venres 15 de decembro celebraremos unha nova xuntanza de Contos en Cueiros. Será na Casa da Lectura a partir das 18:00 horas. Nesta ocasión, aproveitando que nesta época do ano as noites son moi longas, contaremos contos ás escuras, xogando coa luz, as sombras e as cores, coa lúa e as estrelas.
Criterios de inscriciónContamos cun aforo limitado a 15 bebés acompañados de 1 persoa adulta. Os criterios de inscrición son os seguintes:
– Terán prioridade os fillos/as de socios e socias de Espazo Lectura, por orde de inscrición.
– Para inscribirse cómpre enviar un correo a contosencueiros@gmail.com e facilitar:
– o nome do bebé
– o ano denacemento: nenos/as de 0 a 3 anos nacidos en 2015 ou despois
– o nome da persoa adulta que o vai acompañar
– un teléfono de contacto (para avisar en caso de quedar en lista de espera)
– en caso de ser socios/as, o nome do socio/a
– Todas as persoas que se inscriban deben esperar un correo de confirmación para saber se finalmente teñen praza. Ese correo enviarase o día en que remata o prazo de inscrición: MÉRCORES anterior á sesión ás 12:00 h do mediodía.
Na sesión de novembro recreamos unha granxa e levamos elementos de estimulación que axudasen a inserirse nos contos.
Comezamos presentando todos os animais da granxa coa axuda de Ana, unha nai que colaborou nesta sesión. A continuación, cantamos unha canción sobre a granxa a partir dun libro despregable para barrigolas. Despois démoslle o protagonismo á galiña Carolina, á ovella Flora, ao porquiño Tito e á vaca Paca: personaxes todos eles dun conto-xogo de animais da granxa con cadansúas marionetas. O último conto do que gozamos foi «Onde está o poliño de Rosalía?». Rematamos a sesión bailando e cantando «Unha vella tiña un can», un dos temas do disco de Migallas «Pan de millo». Estas son as fotos dese día: https://flic.kr/s/aHsmafjbw4