Manuel Rivas participa este sábado no Lendo Contigo

Este sábado, 1 de febreiro, ás 12:00 da mañá, na Biblioteca Municipal de Gondomar, vaise celebrar unha nova sesión do club de lectura compartida en familia Lendo contigo, actividade que organiza a asociación Espazo Lectura e que está dirixida a nais e pais e a nenos e nenas de 7 a 11 anos.

Nesta ocasión imos ter a visita do escritor Manuel Rivas, que nos virá falar do seu último libro infantil: O raposo e a mestra (Xerais 2013). Nel cóntase a historia de Pindo, un raposo solitario que sabe as falas de todos os animais e persoas e que ten o poder de hipnotizar a calquera cos seus ollos de lanterna.

Literatura e música

No libro de Rivas aparecen cancións tradicionais en francés, alemán, inglés, italiano e galego. É por iso que, ao remate da sesión, haberá unha interpretación das cancións do libro a cargo da Banda dos Cueiros no que se poderán aprender e cantar pezas tan coñecidas como Frère Jacques, Des kleine krokodil ou I can sing a rainbow.

Aqueles nenos e nenas que queiran participar de maneira activa na actividade, formando parte do coro da Banda, teñen que estar a partir das 11:00 da mañá na Biblioteca de Gondomar para un divertido ensaio xeral.

Manuel O´Rivas, nado na Coruña en 1957, é escritor, poeta, ensaísta e xornalista. Ten unha extensa obra, recoñecida con innumerables premios, e algunhas das súas novelas foron levadas ao cine e ao teatro. Dentro da literatura infantil escribiu tamén O sombreiro chichiriteiro (Xerais, 2009).

No Lendo Contigo do mes de decembro tivemos a visita do escritor Xelís de Toro. Estas son as imaxes dese día: