Este próximo sábado 26 de xaneiro o escritor Miguel Vázquez Freire estará ás 12:oo horas na biblioteca municipal de Gondomar para participar na 2ª sesión do Club de lectura compartida Lendo Contigo, unha actividade de dinamización lectora que promoven Espazo Lectura e a ANPA As Pontes. O libro proposto para este encontro é Contos de Reis e de Nadal, aínda que se recomendaron tamén outros libros do autor como A malvada María Xosé, O neno que tiña medo dos robots/O robot que tiña medo dos nenos ou María é maior.
O Club de lectura compartida Lendo Contigo é unha actividade dirixida a nais e pais e a nenos e nenas de 8 a 11 anos. Comezou a súa andaina o pasado mes de decembro cunha 1ª sesión na que contamos coa presenza do escritor Agustín Fernández Paz e na que participaron 50 persoas. Propoñemos cada mes un libro para que o lean tanto os nenos que se apunten como o pai ou a nai, de xeito que poidan compartir impresións sobre a lectura e logo reunirse na biblioteca o último sábado do mes cos demais participantes para charlar sobre o libro.
O Club de Lectura Compartida Lendo contigo nace desde Espazo Lectura e a ANPA As Pontes como unha proposta complementaria do programa de contacontos Contomar que se celebra semanalmente desde hai case dous anos na Biblioteca Municipal de Gondomar e pretende darlle continuidade ao labor de dinamización lectora que desenvolvemos. Se co Contomar pretendiamos fomentar entre os máis pequenos o achegamento aos contos e o uso da biblioteca pública, con esta nova proposta queremos crear un novo espazo que lles permita aos nenos manter esa vinculación coa biblioteca e fomentar a lectura crítica e a capacidade para reflexionar sobre o que se leu.