Música e tradición oral na XV Noite na Biblioteca

Espazo Lectura organiza esta fin de semana a XV Noite na Biblioteca, que se celebrará dende a noite do sábado 24 á mañá do domingo 25 de maio na Biblioteca Pública Municipal de Gondomar.

Nesta ocasión será unha noite de homenaxe ás cantareiras, á poesía popular oral. Participarán nenos e nenas que están cursando este ano Educación Primaria e que participaron ao longo do curso nas distintas actividades infantís de Espazo Lectura (os mércores na Casa da Lectura, o Contomar ou o  Club de lectura compartida Lendo Contigo), así como os fillos e fillas de persoas asociadas a Espazo Lectura. Colaborarán como monitores e monitoras algúns membros do Comando Le, o club de lectura para rapaces e rapazas de máis de 12 anos.

Ao remate das actividades e antes de ir durmir, asistiremos a un espectáculo moi especial, xa que na edición deste ano gozaremos da actuación do grupo TradiSón, que encherán de música e baile a biblioteca. 

Pola mañá continuaremos con propostas que xirarán ao redor da música, dos libros e da lectura e a actividade rematará arredor das 10:00h, despois do almorzo.
Estades preparados? Agardámosvos!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *