Inspirados polas delicias culinarias d’O coelliño branco e d’A mellor sopa do mundo, o próximo mércores, 18 de novembro, na sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura, prepararemos e degustaremos unha deliciosa sopa de froitas: a mellor sopa da Casa da Lectura. A cita é ás 18:00 horas e media hora antes atenderemos o servizo de préstamo bibliotecario.
Na sesión da semana pasada viaxamos desde a Casa da Lectura ata o deserto do Kalahari acompañando a un suricato. Aprendemos moito pero tamén nos decatamos de que aínda que é moi bo viaxar, a casa é onde mellor se está. E unha vez de volta na Casa da Lectura decidimos imitar a este suricato que enviaba unha postal á casa dende cada sitio que visitaba. Así que cada un dos 29 nenos e nenas que alí estaban fixo unha postal para enviala maiormente ás súas propias casas. Agora toca esperar polo carteiro. Que emoción! Estas son algunhas imaxes dese día.