O vindeiro sábado 15 de febreiro o Daquelas que Len reunirase para falar da novela Non temerás os coches amarelos (ed. Xerais), coa que a xornalista Marta Villar debutou na narrativa galega.
A obra conta as vivencias de Dina, bolseira nun xornal, desde o asasinato que presencia na súa infancia ata a complicada situación familiar e persoal actual. Un alegato contra o machismo e as súas violencias e a importancia da sororidade para erradicalas.
Unha novela chea de contrastes, tanto xeneracionais, entre o mundo rural/tradicional e o urbano/moderno, como internos da propia protagonista. A militancia contra o machismo como forma de exercer xustiza e a crenza do uso da violencia para erradicar a violencia.
O encontro terá lugar ás 12:00h na Casa da Lectura (Donas) e contaremos coa presenza da autora.