Na sesión do club de lectura Sete Vidas de febreiro que se celebrará o xoves día 2 de febreiro falaremos sobre o libro Nordeste (Editorial Galaxia) de Daniel Asorey Vidal, gañador con esta novela da décima edición do Premio Narrativa Breve Repsol de 2016. A actividade comeza ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar e contaremos coa presenza do autor a partir das 21:00 horas.
O xurado do premio salientou desta novela a “intensa capacidade de fabulación” do autor e que se trata dunha novela “de pegada feminista” que discorre entre o nordeste de Brasil e unha Galicia que posúe a Compañía Galega de Indias, cuxos barcos chegan por mar ata Compostela.
A novela está protagonizada por tres mulleres: María Bonita, unha cangaçeira, bandoleira, do nordeste de Brasil; Matilda (homenaxe a Ruth Matilda Anderson), unha fotógrafa que vai ver a María Bonita, e unha vedora do século XVII.
Achegamos unha entrevista co autor: https://biosbardia.wordpress.com/2016/12/13/daniel-asorey-son-fillo-dunha-matria-na-que-as-mulleres-construiron-o-pais-en-silencio/
A sesión do mes de xaneiro dedicámola a comentar A sociedade literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey, de Mary Ann Shaffer e Annie Barrows. Novela especialmente atractiva e significativa para o noso club, pareceunos unha lectura amable e pracenteira.
E como os nosos colegas de Guernsey, tamén adozamos a nosa sesión cun pastel. Non de pel de pataca, senón… algo máis enxebre. Estas son dúas imaxes dese día.