Espazo Lectura lanza unha nova proposta de actividades para o Comando Le, o grupo de activismo cultural para rapaces e rapazas de 12 a 15 anos que comezou a funcionar dentro da asociación o pasado mes de outubro. As actividades do Comando Le deste trimestre xirarán arredor de dous títulos de literatura fantástica (O hobbit, de Tolkien, e Cartas de inverno , de A. Fernández Paz) e permitirannos relacionar estes libros con outros mundos: o cine, o cómic, a fotografía… A primeira actividade será ler O hobbit, de Tolkien, e irmos xuntos ao cine para ver a película El hobbit. Un viaje inesperado, o que nos permitirá despois celebrar unha sesión na que comentaremos a novela e a súa adaptación ao cine. Posteriormente celebraremos tamén unha sesión de club de lectura para comentar a novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, e a adaptación a cómic que fixo Antonio Seijas. As actividades deste trimestre permitirannos tamén facer un achegamento ao tema da propiedade intelectual e dos dereitos de autor.