Este vindeiro sábado 16 de novembro, ás 20:00h, os mozos e mozas do Comando Le teñen a segunda cita da tempada. Será unha sesión especial xa que asistiremos á representación teatral da obra “As que limpan” da compañía A Panadaría no auditorio V Centenario de Baiona.
As que limpan fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios da industria hoteleira.
Esta iniciativa non sería posible sen a colaboración do CIM do Concello de Baiona que nos facilitou o acceso ás entradas e estivo ao noso dispor en todo momento.
Á sesión anterior do Comando Le asistiron 22 rapaces e rapazas con moitas novas incorporacións. Foi unha sesión de acollida e coñecérmonos. Fixemos varias dinámicas moi divertidas e tamén explicamos en que consiste a actividade e que cousas fixemos na tempada pasada. En definitiva, botamos a andar unha nova tempada do Comando Le que agardamos que sexa divertida e proveitosa para todas e todos.
Vémonos no teatro!