Este próximo luns, 26 de maio, ás 18:00h, vaise celebrar na Biblioteca Municipal de Gondomar a última sesión do Contomar deste curso. O programa semanal de contacontos que promove Espazo Lectura despídese así nesta súa terceira tempada cunha sesión na que celebraremos o cumprecontos dos oito nenos e nenas do Contomar que fan anos durante o verán; contaremos a historia As dentaduras de Paco Palma e agasallaremos os nenos socios do Contomar cun diploma de asistencia.
O Contomar botou a andar no mes de febreiro do 2006 e mantívose activo até a actualidade, dando lugar ao nacemento da asociación de fomento da lectura Espazo Lectura que puxo en marcha nestes últimos meses novas propostas de dinamización como o club de lectura compartida Lendo contigo ou a campaña Bookcrossing no Val Miñor. Neste último curso contáronse case 200 contos nas 30 sesións celebradas, ás que asistiron unha media de 35 nenos e nenas por sesión, cun total de 70 nenos que se fixeron socios da actividade.
Tamén celebramos SESIÓNS ESPECIAIS con motivo dalgunhas das datas sinaladas no Calendario da Lectura (Día da poesía, Día do Teatro, Día do Libro, Día das Letras Galegas, etc.), nas que procurabamos agasallar os nenos e nenas con contos e propoñer algunha actividade especial. Durante este curso tamén se fixeron outro tipo de sesións especiais en que contamos coa presenza de convidados como a ilustradora Chus Ferrín ou o grupo de música e teatro Migallas.
AS SESIÓNS realizáronse sempre con libro xa que o obxectivo da actividade é a promoción da lectura. Pretendemos, polo tanto, que vexan que esas historias que lles gustan están nos libros, e faise fincapé nos nomes dos autores e dos ilustradores, procurando que a selección semanal teña en conta distintos tipos de propostas de libro infantil.
Con esta actividade Espazo Lectura pretende ofrecer un lugar estable de encontro cos libros e a lectura no que as familias teñen un papel fundamental.