O Daquelas que Len comeza a tempada con As Superviventes

O vindeiro sábado 18 de outubro o club Daquelas que Len comezamos esta nova tempada coa novela As Superviventes (Ed. Xerais), de Ramón Caride.

Esta obra achéganos á historia de tres mulleres que coinciden casualmente na sala de espera dun hospital, e aos acontecementos que desencadea ese imprevisto azar nas súas vidas. Son loitadoras, superviventes, a pesar de ser veteranas de moitas guerras psíquicas, e levar sufrido agresións físicas, sociais e farmacolóxicas, non se consideran vítimas, e van seguir pelexando para non deixar de ser elas mesmas, ata as últimas consecuencias.

Ramón Caride

O libro abrangue temas tan controvertidos e de actualidade como a saúde mental, a crítica ao negocio da industria farmacéutica, o maltrato, o odio nas redes sociais… Todo desde unha perspectiva feminista de quen escribe que “cada home leva un cadáver de muller dentro, e cada muller leva consigo unha manchea de cicatrices por feridas de combate”.

O encontro terá lugar ás 12h na Casa da Lectura (Donas) e contaremos coa presenza do autor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *