Neste mes de abril, marcado polo Día do Libro, no club de Lecturas Debuxadas dedicaremos a nosa próxima sesión á obra de Alberto Taracido “O eco dos días rotos”, editada por Demo Editorial.
Contaremos coa presenza do autor, en liña. O encontro será o martes día 21 de abril ás 20:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar.
Existe a posibilidade de conexión por videoconferencia, escribe a lecturasdebuxadas@gmail.com e enviarémosche a ligazón á sesión.
“O eco dos días rotos” é unha fermosa carta de amor do autor ao barrio coruñés de Labañou, o seu barrio; tamén á memoria colectiva e a unha maneira profunda e real de habitar un lugar. Nos anos setenta os habitantes deste barrio conviven cun franquismo aínda cruento e abusivo, e será a chegada dun novo veciño o que dinamite o que parecían unhas vacacións estivais coma calquera outras. A historia está marcada pola interxeracionalidade, o respecto ao lugar e á súa historia e o duro labor de supervivencia que levan a cabo estes veciños e veciñas, coidándose os uns aos outros. A coidada paleta de cores e o expresivo delineado acompañan esta historia recreando na nosa cabeza a paisaxe de Labañou, así como as peculiaridades de cada personaxe.
Na pasada sesión de marzo comentamos a obra “Meteoros (historias de gente que pasa)” de Jean-Christophe Deveney e Tommy Redolfi, publicada por Salamandra Graphic. É esta unha historia moi poética que versa sobre a condición humana. Os personaxes amosan as súas vidas e conflitos nun contexto de incerteza debido á inminente colisión dun meteoro co planeta Terra. Foi unha sesión moi especial que coincidiu co Día de cómic, que resultou ser o 17 de marzo.
Animámosvos a celebrar con nós este Día do Libro 2026 dándolle unha oportunidade a esta historia tan especial.



