«O hibisco púrpura», da escritora nixeriana Chimamanda Adichie, no Sete Vidas de marzo

Este xoves, día 1, teremos a sesión mensual do club de lectura Sete vidas sobre a novela “O hibisco púrpura“, a primeira novela da escritora nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie. Será na Casa da Lectura a partir das 20:00 horas e contaremos con Moisés Barcia, tradutor e editor da novela, a partir das 21:00.

Referencia obrigada á hora de falar de literatura africana e de feminismo, nas obras de Chimamanda pode apreciarse o seu compromiso e a súa loita contra os estereotipos, sobre todo os que atentan contra o xénero feminino e os que continúan ligando o africano exclusivamente coa barbarie e a traxedia.
Nesta novela de formación a autora entretece a evolución da súa protagonista cara á madurez e ao amor, no medio da estrutura patriarcal e de fanatismo relixioso na que vive, coa situación política do país.

Velaí o enlace dunha interesante conferencia de Chimamanda titulada O perigo dunha única historia:
E unha recente entrevista:

 

A sesión de febreiro celebrámola no café Keik, onde falamos da novela “Mocidade sen deus” de Ödön von Horváth, publicada por Irmás Cartoné. Esta novela, a última de Horváth (morreu en París en 1938, despois de deixar Alemaña), non é só unha crítica ao nazismo, senón unha crítica ao pensamento único e unha descrición da loita do individuo contra unha sociedade deshumanizada. Un mestre observa como os seus alumnos crecen nunha sociedade que os adestra para seguir unicamente as ordes do seu líder, sen conviccións e sen conciencia. Ao longo do libro vemos a súa evolución e como a verdade o libera, aínda que deberá abandonar o seu país. O libro gustou moito e todos coincidimos en que se trata dun tema moi actual. Na segunda parte estivemos acompañados pola tradutora da obra, Patricia Buján, coa que falamos do panorama editorial actual, do seu traballo na editorial Catro Ventos e da tradución. Foi unha conversa moi interesante. Estas son as fotos dese día:

Sete Vidas, 2018/02/01