O martes, 21 de xaneiro, teremos unha nova sesión do Club Lecturas Debuxadas co libro Piezas, de Víctor L. Pinel, Nuevo Nueve. Trátase dunha historia de vidas cruzadas, de novos camiños e vellos fracasos, unha busca de comezos e vieiros que tomar na vida… As pezas do xadrez e os seus movementos articulan as metáforas que se asignan aos comportamentos dos distintos personaxes: avanzan, retroceden, evitan, enfrontan, amosan decisión e valentía e tamén medo e desacougo. A soidade e o encontro entre as persoas sobrevoa toda a historia.
Moitos retallos que constrúen unha magnífica historia humana, moi ben narrada, onde todas e todos nos recoñecemos dun xeito ou doutro.
Contaremos coa presenza de Víctor L. Pinel, debuxante da banda deseñada.
A sesión terá lugar na Biblioteca Municipal de Gondomar ás 20:00h e, se non podes acudir, poderás participar mediante videoconferencia. Para recibir o enlace envía un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com.
Na sesión de decembro gozamos da visita doe Miguel Fernández, coa obra A espada de San Eufrasio, editada en galego pola Deputación de Lugo.
A charla con Miguel Fernández foi interesante e extensa e, a nivel formal, tratáronse temas como a complexidade de trasladar un texto cunha gran carga histórica a cómic, a abundancia de personaxes aos que dar forma e voz, a provisión de documentación necesaria… O autor, que viu dende Lugo expresamente para esta sesión invernal de Lecturas Debuxadas, foi moi xeneroso ao compartir petiscos do seu proceso creativo e de como foi traballar cos escritores do libro.
Álbum de fotos desta sesión: