O sábado 28 de xaneiro celebramos a primeira sesión de 2012do club de lectura Lendo Contigo. O libro que lemos durante este mes foi O fillo do Pintamonas, da escritora María Solar.
Logo de facer un repaso polas preguntas da guía de lectura, pasamos a presentar á autora convidada. Nesta ocasión, posto que María Solar conduce diariamente o programa cultural da TVG ZigZag, a presentación consistiu nun divertido vídeo protagonizado por moitos dos nenos e nenas que participan habitualmente no club.
Despois, María Solar falounos de O fillo do Pintamonas, e tamén de moitas máis cousas: da necesidade de escoitar ás persoas maiores porque teñen moito que ensinar, da importancia de ir polo mundo cos ollos ben abertos, dispostos a aprender de todas as disciplinas, da igualdade entre homes e mulleres, da escrita e da lectura… E falamos moito da natureza, do tempo, das nubes e de refráns.
Antes de rematar, sorteamos o libro do que imos falar no mes de febreiro: A galiña azul, de Carlos Casares, que nesta ocasión lle tocou a David.
Como despedida, María Solar levou de agasallo un papaventos feito á man e ela agasallou aos seus lectores e lectoras coa dedicatoria dos seus libros.
Velaquí varias imaxes dese día, tomadas polo fotógrafo Manuel G. Vicente.