O martes, 20 de xuño, temos a sesión mensual do Club Lecturas Debuxadas, na que comentaremos «Aram o armenio», de Abel Alves, Majox e Lara Lee. Nesta obra fálase do xenocidio armenio por parte de Imperio Otomán, xenocidio recoñecido por moi poucos países no mundo.
Na anterior sesión do club comentamos «O Demo & Eu», con guión e debuxo de Alcimar Frazao, editado por NovoVinilo. Baseada na vida do lendario bluessman Robert Johnson, céntrase na vida do músico antes de se converter en lenda e no momento e circunstancias da súa morte. É de todos xeitos unha obra breve, na que o debuxo leva o peso sobre os feitos, e reflicto máis un ambiente, unha atmosfera mesta e desacougante, que uns feitos concretos. Feitos que de todas formas son na súa maior parte descoñecidos e tinxidos de fabulacións. Así, na BD, a pobreza, a mala vida, o Demo… levan o fío e marcan o paso e a fin da vida deste músico, imprescindible na historia do blues e da música da cultura norteamericana. Alcimar Frazao reflicte isto todo cun debuxo en branco e negro, duro, saturadísimo, moi contrastado e cunha liña áspera e moi expresiva.