Este próximo sábado 30 de xaneiro temos a nosa cita mensual cos mozos e mozas do Comando Le. Nesta ocasión a sesión non se celebrará, como é habitual, na Casa da Lectura, senón na Aula de Cultura Ponte de Rosas, sede do Instituto de Estudos Miñoranos, entidade á que Espazo Lectura lle agradece a cesión do local para a sesión, que comezará ás 20:00h e rematrá sobre as 00:00h, cunha pausa para cearmos todos xuntos.
Na primeira parte da sesión os comandoleiros e comandoleiras participarán nun obradoiro de creación de videopoemas a partir de textos que están lendo e seleccionando previamente. O obradoiro será impartido por Paz Gonzalo, pedagoga que se dedica á formación e asesoramento para a implementación de novas metodoloxías educativas amplificadas con tecnoloxía nos centros educativos. Dirixe CreappTICa, un centro que organiza obradoiros tecnolóxicos para nenos e adultos: robótica, narrativa dixital, programación de videoxogos, etc.
Na segunda parte da actividade, os membros do Comando Le van traballar na preparación de dúas sesións de dinamización lectora que van realizar na Casa da Lectura nas próximas semanas, dentro do seu labor de colaboración como voluntarios e voluntarias preparando actividades para o público infantil de Espazo Lectura.
Con esta sesión do sábado 30 iníciase un novo trimestre de actividades do Comando Le, dedicado á ciencia e á tecnoloxía en relación coa lectura, logo de que no trimestre anterior nos achegásemos ao día a día das persoas con discapacidade a través do encontro e a conversa, da literatura, do cine… Deixámosvos a continuación as imaxes da sesión de decembro de 2015, na que comentamos a novela La lección de August e vimos e comentamos a película A familia Belier.