O sábado 25 de marzo a Casa da Lectura vai acoller a partir das 20:00h unha nova sesión do Comando Le, a actividade de Espazo Lectura dirixida a mozos e mozas de máis de 12 anos. Nesta ocasión a protagonista será a poesía e contaremos coa presenza de Antía Otero, de Apiario Editora, que desenvolverá o obradoiro Versos pegatina. Cantos versos collen nunha pegatina? Que palabras estamos dispost@s a levar pegadas nas nosas carpetas, nos obxectos que conforman a vida? Que frases ou revelacións queremos pegar no mundo? No obradoiro ofreceranse ferramentas que axuden a tomar consciencia da palabra en relación ao espazo, a escoller a palabra exacta para a sensación en concreto, a diferenciar entre a mensaxe velada ou directa. Saber que a poesía é un corazón pensante que chama ao impulso consciente. Na segunda parte do obradoiro, cos textos resultantes, faremos as nosas propias pegatinas.
Temos, pois, unha nova cita cos comandoleiros e comandoleiras, que na sesión de febreiro, logo de ler e comentar o cómic Merci, de Zidrou&Monin, elaboraron por parellas, e logo presentaron ante os demais, diferentes propostas de proxectos culturais e sociais que poderían levarse a cabo nunha vila como Gondomar para atender as necesidades e afeccións dos mozos e mozas da súa idade. As fotos desa sesión de febreiro poden verse aquí: https://goo.gl/photos/7Eqgedyb fUJubErE7