O Sete Vidas recibe novembro cunha nova sesión o próximo xoves día 6, na que falaremos da novela Orbital da escritora británica Samantha Harvey, traducida por Juan Manuel do Río e editada por Rodolfo e Priscila.
Seis astronautas comparten os seus días e as súas noites dando voltas arredor da Terra a bordo da Estación Espacial Internacional. Cada un deles pasará alí uns nove meses, nove meses de ingravidez, nove meses coa cabeza inchada, nove meses vivindo como unha sardiña en lata. Forman parte dunha misión de rutina. Alá arriba, a catrocentos quilómetros de distancia, rexistran datos meteorolóxicos, fan experimentos, coidan da nave, practican deporte a diario e observan os continentes e as estacións, os glaciares e os desertos, os cumios das montañas e o movemento ondulante dos océanos.
Será ás 20:00 na Biblioteca Municipal de Gondomar.




