O vindeiro sábado21 de xaneiro o Daquelas que Len comeza o ano coa obra Os seres queridos, de Berta Dávila, galardoada co Premio Xerais de Novela 2021.
Os seres queridos é un relato incómodo sobre o que significa o amor maternal. Cinco anos despois de ser nai, a protagonista desta novela atópase na disxuntiva de decidir se quere volver a selo ou non. A historia afonda na experiencia pasada: a tranformación da muller que deixou atrás, a nai recente e a futura que non vai ser. Fala sobre a dor, a culpa e o arrepentimento, pero sen limitar a mirada a esta situación, senón confrontándoa tamén con outras, coma os vínculos coa familia, a parella e as amizades, e en como a literatura é capaz de recoller todo aquilo ao que moitas veces nos custa pór nome.
Terá lugar ás 12:00 h na Biblioteca Municipal de Gondomar e contaremos coa presenza da autora.