Peche de tempada do Lecturas Debuxadas na Casa da Lectura

O martes, 16 de xuño, teremos unha nova sesión do Club Lecturas Debuxadas onde a obra proposta é Mientras sea verano, de Marina Velasco Marta de Salamandra Graphic. O verán é unha época de oportunidades, capaz de crear situacións que non se darían en ningún outro momento.

En Almajadilla, unha pequena vila ficticia que reúne a cultura mudéxar aragonesa e a herdanza andalusí do sur, coinciden dúas mulleres de xeracións e vidas moi diferentes. Lonxe de chocar, crean un forte vínculo grazas á procura conxunta do amor propio: Fina, veciña e traballadora da vila, nunca o coñeceu; a Berta, recentemente chegada da cidade, foille arrebatado pola forza.

Mentres sexa verán é unha historia que rende homenaxe á cultura popular, celebra a diversidade e pon en valor o coñecemento transmitido entre mulleres.

Nesta ocasión e como vén sendo habitual no peche de tempada, a sesión terá lugar na Casa da Lectura de Donas ás 20:00h Agardámoste!

O martes 19 de maio a obra que nos convocou foi El diablo y Coral de Homs, un conto áxil e alegre que narra a historia de Coral, unha moza xudía con poderes máxicos (aprendidos do seu pai, un rabino exorcista) que, debido a un accidente, ten unha ligazón co diaño que ambos tentan desfacer. A perfección técnica e narrativa conquistounos: unha pequena obra mestra.

LecturasDebuxadas_maio 2026_2

Moitas grazas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *