Quico Cadaval actuará o vindeiro sábado 5 nas Noites Golfas da Casa da Lectura

O vindeiro sábado 5 de novembro, ás dez e media da noite (22,30 h) actuará na Casa da Lectura (Nogueiras 8, Donas, Gondomar) o narrador oral, actor, director e adpatador teatral Quico Cadaval, que ofrecerá unha sesión de contacontos baixo o título de «Contos para vivos e para mortos». Cunha das carreiras profesionais máis destacadas da península, Quico Cadaval encherá de luz e de sorrisos as Noites Golfas que organiza Espazo Lectura, que procuran un xeito desenfadado e divertido de ollar os libros e a lectura.

Nas Noites Golfas da Casa da Lectura actuaron xa os Poetas da Hostia, o trío Cabraret, Leo i Arremecághona, o músico Julián Hernández co poeta Manuel M. Romón, o escritor Xelís de Toro co percusionista Lar Legido e a actriz Paula Carballeira.

Quico Cadaval (Ribeira, 1960) é un destacado impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa e ten as súas costas unha nutrida carreira profesional que o levou desde as súas prácticas de narrador oral á interpretación nos teatros como actor, desde a súa aparición frecuente nas series de televisión á dirección de diversos espectáculos teatrais e audiovisuais. A maiores, foi profesor de interpretación na «Operación Triunfo» da televisión portuguesa, feito que lle deu unha enorme popularidade no país veciño.