Rhapsody in Blue, no Club Lecturas Debuxadas.

Historia baseada na correspondencia que enviou Andrea Goldstein á súa familia dende Estados Unidos, a onde chegou fuxindo da II guerra mundial. Pero unha vez que está en Nova York, decide alistarse para combater o fascismo. Rhapsody in Blue, de Andrea Serio, será a proposta na próxima sesión do Club Lecturas Debuxadas.

Será o martes, 15 de marzo, a partir das 20:00h, na Biblioteca Pública de Gondomar. (Para participar nesta sesión a través de videoconferencia hai que enviar un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com).

Club Lecturas Debuxadas 15/02/2022

A proposta do martes 15 de febreiro do Club Lecturas Debuxadas foi A Consulta, os derradeiros días de Santi Brouard, editado por Demo Editorial, escrito por Harkaitz Cano e debuxado por Adur.

A BD céntrase na vida de Santi Brouard, e sobre todo nos días anteriores ao seu asasinato. Faino describindo un Brouard culto, amable, moi integrado na comunidade. Está narrada de xeito que destaca a súa figura fronte á dos asasinos, que aparecen como dous seres simples, humanos, pero pouco espelidos e banais.

A narración ten moi bo pulso, avanza ao mesmo tempo de xeito áxil, e mantén o interese e a tensión no relato. As liñas de acción das personaxes discorren paralelas polas páxinas cara ao coñecido final.

O debuxo de Adur, máis caricaturesco que realista, é sinxelo, pero nunca falto de recursos; cumpre de moi boas maneiras e acompaña eficazmente o texto.