O martes 23 de abril, ás 20:00 horas na Biblioteca de Gondomar, celebramos unha sesión espcial do club de cómic Lecturas Debuxadas dentro da Semana do Libro e a Lectura 2013. Con tal motivo, contaremos coa presenza de Inacio Vilariño e Iván Suárez, guionista e debuxante, respectivamente, de Titoán (Edit. Demo), gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada 2011.
Reproducimos un fragmento do comentario que sobre a obra fixo o crítico literario Armando Requeixo no seu blog.
Titoán, seguindo o fío do relato “Peito de lobo” inserido en Retrincos, parte dunha anécdota autobiográfica vivida polo escritor cando, sendo novo, decidiu facer un cabezudo para as festas de Rianxo imitando a face dun veciño da vila, fisicamente pouco agraciado, ao que todos coñecían polo nome de Titoán, pois participara na Batalla de Tetuán, de onde procedía, por deformación, o seu alcume.
O sonoro enfado que con Castelao agarrou o tal Titoán ao se ver caricaturizado como cabezudo e a posterior reconciliación entre este o xenial intelectual e escritor sérvenlles a Inácio Vilariño e Iván Suárez como esqueleto no que van engastando unha musculación biográfica que avanza e retrocede en prolepses e analepses narrativas, levándonos da man dos anos pontevedreses do rianxeiro, os comezos como caricaturista na prensa galega e madrileña, o compromiso anticaciquil das súas colaboracións no semanario local El Barbero Municipal e mesmo o seu casamento coa estradense Virxinia Pereira, entre outros feitos relevantes na conformación da súa personalidade polo tempo no que estaba a definirse a súa formación política e literaria.
A suxestión tremelecente do trazo de Iván Suárez, o seu dominio do tintado e da economía expresivo-visual maridan idealmente coa capacidade para a narración elíptica e a condensación textual de Inácio Vilariño, logrando entrambos facer boa aquí a máxima de que o menos é máis.
Tod@s @s devot@s seguidor@s da figura senlleira de Castelao teñen neste Titoán unha cita obrigada. E non lles ha pesar, pois poucas veces discurso tan gorentoso se veu acompañado de plasmación ilustrada tan apetecible. ¡Abofé!
Estas son imaxes tomadas na sesión de abril, cando lemos Pagando por ello.