A lectura do mes de marzo permitiunos viaxar da man de Marcos Calveiro e a súa novela, Fontán, ao século XIX e descubrir o impresionante traballo que este ilustrado galego semi-descoñecido levou a cabo para, por primeira vez, facer o deseño do mapa de Galicia tal e como hoxe o coñecemos, coas súas exactas medidas e proporcións.
Non foi premeditado, pero o azar quixo que a proposta do Club de Lectura Sete Vidas, que se reunirá o martes 5 de abril ás 20:00 horas na Biblioteca de Gondomar, tamén trate dun mapa, este desgraciadamente máis impreciso, variable e usurpado: falamos de Un mapa do lar, da escritora Randa Jarrar, nada nos EEUU, filla dun palestino e unha greco-exipcia.
Un mapa do lar dá conta, mediante a narración en primeira persoa, da vida dunha cativa marcada pola ocupación de Kuwait, escenario ao que se engade o campo de batalla doméstico. Nesta realidade plural, o lar sempre ausente é Palestina, a patria que Nidali albisca a partir dos mapas, das historias e das anécdotas dos avós, e que configura unha identidade arrebatada e marcada pola migración. A voz narrativa medra consonte a protagonista queima as etapas: a inxenuidade dos seus primeiros pasos no Golfo Pérsico, as implicacións de deixar atrás unha vida, co traslado a través de Iraq e Xordania a Exipto, onde cómpre comezar de novo, e a adolescente rebelde, xa en Texas, que pelexa pola súa independencia e a construción dunha identidade de seu fronte ás imposicións dun pai violento que pretende dirixir o seu destino.
Alén das particularidades xeográficas e culturais —perceptibles no texto a través da inclusión de termos árabes—, a historia aborda, con humor e ironía, temas universais: as consecuencias da guerra, o espertar da sexualidade, as relacións familiares ou a entrada na madureza.
Deixamos aquí as imaxes da sesión que compartimos co escritor Marcos Calveiro, da que falabamos antes: