Unha galiña despreocupada na sesión de despedida de Contos en Cueiros

O próximo venres 30 de maio ás 18 horas terá lugar a derradeira sesión desta tempada de Contos en Cueiros, o contacontos para nenos e nenas de 0 a 3 anos. O lugar será coma sempre a Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas), sede da Asociación Espazo Lectura. 

Nesta derradeira sesión de Contos en Cueiros convidamos aos bebés e as súas familias a dar un paseo moi especial. Seguindo os pasos dunha galiña despreocupada, iremos na procura de novos contos, aventuras e cancións. Ao remate da sesión, como é tradición, despediremos aos nenos e nenas nados en 2022, convidándolles a continuar a súa andaina lectora a vindeira tempada en Contomar.

A actividade precisa inscrición previa para poder respectar a capacidade da sala e o benestar dos asistentes á actividade. A entrada será, coma sempre, de balde.

Criterios de inscrición:

Contamos cun aforo limitado a 16 bebés acompañados de 1 persoa adulta. Os criterios de inscrición son os seguintes:

– Terán prioridade os fillos/as de socios e socias de Espazo Lectura, por orde de inscrición.

– Para inscribirse cómpreenviar un correo antes das 12:00 horas do mércores 28 de maio a contosencueiros@gmail.com e facilitar:

  • o nome do bebé
  • o ano de nacemento: nenos/as de 0 a 3 anos nacidos en 2022 ou despois
  • o nome da persoa adulta que o vai acompañar
  • un teléfono de contacto (para avisar en caso de quedar en lista de espera)
  • en caso de ser socios/as de Espazo Lectura, o nome do socio/a

– Lembrade que é importante facilitar todos os datos que se solicitan na inscrición. 

– Todas as persoas que se inscriban deben esperar un correo de confirmación para saber se finalmente teñen praza (este correo de confirmación non se enviará antes do remate do prazo de inscrición).

Animádevos a participar!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *