O vindeiro sábado 18 de abril o club Daquelas que Len xuntarémonos para comentar a última exitosa novela da escritora brasileira Tatiana Salem Levy, Vista Chinesa, publicada na súa tradución ao galego por Ed. Xerais.
O libro está ambientado en Río de Janeiro, no ano 2014, co Mundial de fútbol e os Xogos Olímpicos á volta da esquina, e conta a historia de Júlia, unha prometedora arquitecta que traballa no proxecto de diseñar o campo de golf da futura Vila Olímpica. Neste contexto de optimismo e mirada cara un futuro esperanzador que se abre cheo de posibilidades para o Brasil, a vida da protagonista vese repentinamente truncada por unha brutal violación que sucede nunha das súas habituais saídas a correr polo famoso miradoiro do Río coñecido como Vista Chinesa.
O feito traumático é narrado anos despois cunha extremada delicadeza coma unha carta aos seus fillos, poñendo o foco, non tanto na propia violación, como nas súas consecuencias. Na dor; no inxusto sentimento de vergonza e culpa; no medo de que as pegadas desde corpo ferido podan ser dalgún modo transferidas ás nova xeracións; na dificultade de racionalizar e pór palabras ao acontecido para conseguir refacerse e recobrar a autoestima; nesa outra violencia de ter que pasar por un proceso policial que non está preparado para entender as vítimas…
En resumo, una novela escrita con grande sensibilidade e óptica feminista que dá voz a unha supervivente da violencia sexual e que está baseada en feitos reais.
O encontro terá lugar ás 12:00 h na Casa da Lectura (Donas).



