Wolfram no Club Lecturas Debuxadas

O próximo martes, día 16 de novembro, o Club Lecturas Debuxadas reunirase para comentar o cómic Wolfram, Espías, nazis e maquis, de Alberto Varela Ferreiro. W. C. Morgan é un axente da intelixencia británica que vén a Galiza para controlar os movementos dos nazis e tratar de evitar que leven volframio para Alemaña.

Será o martes, 16 de novembro, a partir das 20:00h, no Centro Neural de Gondomar. Tamén se poderá participar a través de videoconferencia (enviar correo a lecturasdebuxadas@gmail.com).

Club Lecturas Debuxadas 19/10/2021

Neste outubro inauguramos a nova temporada do Lecturas Debuxadas falando de “Aldara, a lenda do cervo branco”, con guión e debuxo de Inés Vázquez.

Baseado nunha lenda tradicional dos Ancares, Inés conta unha historia onde se mestura o costumismo e o fantástico. Partindo desta lenda, Inés conta ademais unha parte da vida dunha rapaza e dun pobo do rural galego da primeira metade do século pasado, onde o illamento fai que o esotérico e o real teñan a mesma presenza no día a día.

Destacamos tamén todo o bo que nos pareceu o debuxo, propio de autores máis experimentados, sorprendente nunha primeira obra. O dinamismo das figuras, a riqueza nos fondos e na documentación, o ben que as cores crean ambientes e, nas últimas páxinas, acompañan o paso da historia e dos momentos que narra.

Inés acompañounos por videoconferencia na segunda hora, e falamos de todos estes aspectos da obra, da súa formación e traxectoria, de como ve ela o mundo profesional da BD e da ilustración, e de posibles novos proxectos.