XVI DAR DE LER COMA QUEN DÁ DE BEBER

Espazo Lectura está a preparar a décimo sexta edición da actividade Dar de ler coma quen dá de beber, a sesión de lecturas en voz alta que celebramos anualmente con motivo da conmemoración do Día do Libro e que se enmarca na Semana do Libro e a Lectura.

Como sabedes, esta actividade consiste nunha lectura colectiva  na que, as persoas que o desexen, escollen un texto moi breve dun libro que queiran compartir cos demais.

O acto terá lugar o domingo, 23 de abril, o mesmo Día do Libro, na cafetería KeiK, entre as 12:00 h e as 14:00 h aproximadamente, aínda que non é necesario estar presente durante todo o acto.

Como en ocasións anteriores, gustaríanos reunir arredor de 25 ou 30 persoas nun espazo público para ler. Espazo no que podemos escoitar, compartir e recomendar as lecturas que nos gustan e celebrar así o Día do Libro facendo da lectura un acto de socialización.  

A idade mínima para participar é de 14 anos.

Que teño que facer se quero participar?

– Escolle un fragmento dun libro, preferiblemente en lingua galega, cuxa lectura non exceda os 3 minutos (é moi importante cinguirse ao tempo).

– Comunícanos que queres participar enviando un correo a espazolectura@gmail.com ou chamando ao número 608 087 119 e indícanos o título e o nome do autor ou autora seleccionado.

– Para organizar máis facilmente o acto, dinos tamén se prefires ler entre as 12:00 h e as 13:00 h ou entre as 13:00 h e as 14:00 h. Tentaremos, na medida do posible, aternos a esa elección e evitar en todo caso que haxa cambios con respecto á orde fixada.

Agardamos poder contar coa túa participación e quedamos á espera das túas novas!!!

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *