Casa da Lectura, Nogueira 8. Donas, 36388, Gondomar
Como chegar á Casa da Lectura:
Desde a saída da autoestrada
Desde Gondomar
Actividades
Regulares: Os mércores da Casa da Lectura, Comando Le, Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, Noites Golfas, Contos en Cueiros, A fogueira dos versos, préstamo bibliotecario.
Alternantes: (realízanse en diversas ubicacións): Club de Lectura Sete Vidas e Club de Lecturas Debuxadas.
A Casa da Lectura é un centro de actividades arredor do libro e a lectura e unha biblioteca xestionados por Espazo Lectura. Situado no contorno rural, quere ser un lugar de promoción dos hábitos lectores e a cultura do libro.
Inaugurada o 16 de maio de 2009, a orixe do proxecto está na transformación dunha pequena e antiga escola de Educación Infantil en desuso. A escola foi rehabilitada grazas ao esforzo voluntario e desinteresado das persoas que colaboran coa asociación e asumiron a realización de todos os traballos de obra que a edificación requiría.
En outubro de 2008, Espazo Lectura chegou a un acordo coa dirección do CEIP Souto-Donas, centro escolar do que depende a escola infantil e que, na actualidade, é unha entidade socia protectora da asociación, e co Concello de Gondomar, así como coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, e puxo en marcha a recuperación dun espazo inutilizado, dotándoo para usos culturais e dando lugar a unha iniciativa que revertise no ben da comunidade. Por último, chegouse tamén a un acordo con trece editoriais galegas, que se fixeron socias protectoras de Espazo Lectura, e que nutren a biblioteca de novidades. As editoriais son: Baía Edicións, Edicións do Cumio, El Patito Editorial, Galaxia, Ir Indo, Xerais, Kalandraka, OQO, Patas de Peixe, Rinoceronte, Rodeira (Grupo Edebé), Urco editora, Huguin e Munin e Irmás Cartoné.
Na Casa da Lectura lévanse a cabo diversas actividades de xeito regular, como Os mércores da Casa da Lectura, Comando Le, Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, Noites Golfas, Contos en Cueiros, A fogueira dos versos e préstamo bibliotecario. Na Casa da Lectura tambén se levan a cabo outras actividades que alternan o seu lugar de celebración: o Club de Lectura Sete Vidas e o Club de Lecturas Debuxadas.
A biblioteca da Casa da Lectura está integrada no proxecto Meiga da Rede de Bibliotecas de Galicia e realiza préstamo bibliotecario aos seus usuarios.
A Casa da Lectura quere ser un espazo de promoción dos hábitos lectores e dinamización arredor do libro, polo que todos os mércores pola tarde se realiza alí unha actividade infantil de fomento da lectura, fixando deste xeito unha programación estable que, partindo do asociacionismo, se singulariza pola súa dimensión e especialización.
Outro dos obxectivos da Casa da Lectura é servir de punto de encontro para todas as inciativas que teñan que ver co libro e coa lectura; así como constituírse en lugar de reunión para os grupos de traballo do ámbito do fomento da lectura e como sede social e administrativa da asociación Espazo Lectura.
Ademais da antiga escola rehabilitada por Espazo Lectura, o terreo da Casa da Lectura conta tamén coa edificación da antiga casa do mestre, que na actualidade está moi deteriorada e que Espazo Lectura emprega como almacén de todo o material que se xenera nas súas actividades, así como de parte do mobilidario que se emprega de xeito máis puntual. A edificación forma parte do futuro proxecto do Museo do Conto.