00_Noite_biblioteca_Cabeceira

Tarde e noite de actividades sobre o libro e a lectura con pernocta na Biblioteca Municipal
Coordinadores: Anxo Iglesias / Comisión da Noite na Biblioteca
Lugar: Biblioteca Municipal de Gondomar
Idades: de 6 a 11 anos (estudantes de Educación Primaria)
Mes: xuño

A Noite na Biblioteca é unha actividade que Espazo Lectura leva a cabo na Biblioteca Municipal de Gondomar con carácter anual desde xuño de 2008. Nesta cita, arredor de 30 nenos e nenas pernoctan na biblioteca con sacos de durmir e participan en distintas actividades que se programan para esa tarde e noite.

O programa da Noite na Biblioteca consta de dúas partes diferenciadas. A primeria desenvólvese ao longo da tarde e as actividades, que adoitan celebrarse na rúa, están abertas a todo o público que desexe asistir. A segunda parte, que comeza logo dunha cea informal coas familias dos nenos e nenas seleccionados, está dirixida exclusivamente a eses nenos/as, que deben traer o seu saco de durmir para pasar a noite na biblioteca. Diversas actividades relacionadas co libro e a lectura (espectáculos poéticos, representacións teatrais, concertos ou maxia) estiran unha noite intensa, máxica e divertida, durante a que os nenos adormecen rodeados de libros que adoitan apañar para ler, de xeito espontáneo, en canto espertan á mañá. Tendo en conta que as solicitudes case sempre sobrepasan amplamente as prazas dispoñibles, o criterio de selección máis relevante dos nenos e nenas que gozan desta segunda parte é a súa participación constante e regular nas actividades de Espazo Lectura ao longo de toda a tempada. Ese día o chan da biblioteca cóbrese con colchonetas e, acompañando os nenos, quedan entre seis e oito monitores de Espazo Lectura, responsables da organización, que atenden as súas necesidades e facilitan as actividades de dinamización lectora. Espazo Lectura proporciónalles tamén o almorzo aos cativos ao día seguinte. A  maiores, cada un dos participantes adoita recibir un libro de agasallo de Espazo Lectura. A actividade é totalmente gratuíta. Sen dúbida, esta é unha das actividades máis populares de Espazo Lectura, o que fixo que varios medios de comunicación se ocupasen dela, sendo obxecto de noticia en diversas canles de televisión.