Club de lectura infantil para familias coa presenza dos autores/as dos libros
Coordinadores: Anaír Rodíguez, Iago Leirós, Víctor Pérez e Yaiza Peixoto
Día: Derradeiro sábado de cada mes (non se realiza en xuño, xullo, agosto e setembro)
Lugar: Biblioteca Municipal de Gondomar
Hora: 12:00 h.
Idades: De 7 a 11 anos (estudantes de Educación Primaria)
Esta actividade está dirixida a nais e pais e a nenos e nenas de 7 a 11 anos e pretende fomentar a lectura compartida en familia. Para iso, cada mes propoñemos un libro co obxectivo de que o lean os nenos e nenas participantes e tamén a súa nai e/ou o seu pai para que poidan comentar todas aquelas cousas que a lectura lles suxira: falar dos aspectos que máis lles gustaron ou interesaron, buscar máis información sobre o autor ou autora, o tema ou o lugar onde se desenvolve a historia, ler outras cousas sobre o mesmo tema, etc.
Acompañamos a proposta de lectura cunha guía na que hai unha pequena ficha e na que se propoñen xogos, concursos e a investigación e ampliación dalgunhas das cuestións que se tratan no libro e que logo se comentan durante a sesión conxunta. Celébrase o derradeiro sábado de cada mes, entre outubro e maio, ás 12:00h na Casa da Lectura, e habitualmente contamos coa presenza do autor ou autora do libro.
Neste encontro, os nenos e nenas poñen en común todo o que lles suxeriu a lectura e convértense nos verdadeiros protagonistas, acompañados das súas familias que, en moitas ocasións, son tamén parte activa da propia dinámica da sesión.
Participar nesta actividade, ademais de fomentar o hábito lector, favorece a análise crítica dos nenos e nenas, mellora a súa capacidade para expresarse e defender as súas opinións e permítelles coñecer non só escritores e escritoras, senón a outros nenos e nenas cos que compartir o gusto pola lectura.
O Lendo Contigo naceu en decembro de 2007 e por el pasaron moitos escritores e escritoras. Agustín Fernández Paz foi o primeiro convidado, e tras del visitáronnos Fina Casalderrey, Paula Carballeira, Ana María Fernández, Antonio García Teijeiro, María Solar, Manuel Rivas, Ledicia Costas, Antonio Manuel Fraga ou Andrea Maceiras, entre moitos e moitas.